- O espazo radiofónico de Radio Líder promove o uso do galego entre a mocidade cunha emisión en directo chea de humor, música e participación estudantil.
O programa Fala que Fala de Radio Líder, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, fará parada este martes 11 de novembro en Pontevedra para emitir unha edición especial desde o IES Luís Seoane.
De 10:00 a 12:00 horas, o centro educativo converterase nun espazo de celebración da lingua galega, con entrevistas, música, humor e unha ampla participación do alumnado. O galego será o verdadeiro protagonista dunha mañá que promete diversión e moita enerxía positiva.
Entre os convidados destacados estará o coñecido humorista e actor David Amor, que compartirá micro e risas co alumnado do centro.
Fala que Fala continúa o seu percorrido por diferentes puntos de Galicia promovendo o uso e prestixio do noso idioma.
O evento conta coa colaboración de Seguridade A1, Daveiga, Dezasete Media e Dinahosting.